O soño de Clío

O soño de Clío
Amosando publicacións coa etiqueta Prehistoria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Prehistoria. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de abril de 2020

Día das Artes (sempre)

Onte foi o Día das Artes. Co meu despiste habitual, non me enterei antes (vale, de feito avisoume María Sánchez, a quen lle dou as grazas), pero tentei facer unha entrada a toda présa. Pensei en meter moitas cousas, pero non me gustaba como quedaba, así que deixeino, total... Total todos os días está a arte aí, para salvarnos a vida. Ou non tanto, pero para facela máis agradable e interesante, o cal acaba por ser o mesmo...

E cando espertei esta mañá tíveno moi claro. Isto é o que quero que vexades. Non é fiestra,  non é pintura, non é escultura, non é música, non é un edificio, non está escrito, non ten nada de monumental, ninguén colgaría isto na súa parede. 

En realidade non é arte, porque non é un obxecto artístico, feito en exclusiva para o deleite dos nosos sentidos e do noso intelecto, senon funcional. Ou tería sido, porque sabemos que nunca tivo uso, máis aló do probablemente funerario polo contexto no que foi atopado. Pero esta cousa modesta, na que non repararíamos pola nosa conta, isto é o que somos. Isto é o que explica a nosa necesidade de facer as cousas non só funcionais, senon tamén fermosas.



Excalibur, bifaz atopado no complexo de Atapuerca en 1998


Unha pedra? Tanta leria por unha pedra?
Unha pedra de cuarcita, de cores variadas, ente ocre e vermello, que alguén tallou hai máis ou menos 430.000  anos. Pero esta pedra, aparentemente prosaica, garda segredos que a fan aínda máis interesante. Non só por ser a ferramenta lítica máis antiga atopada polo de agora en xacementos europeos, senón por unha serie de cuestións que a fan única e simbólica.

Excalibur é un bifaz, é dicir, un núcleo que se fixo cortante en varias das súas superficies dándolle golpes con outro obxecto duro, seguramente outra pedra. Vedes o proceso se picades na palabra resaltada. Un bifaz era unha ferramenta de múltiples usos, valía para case todo, desde cortar carne a fenderlle a testa a quen fose necesario. A navalla suíza do Paleolítico.
Pero nunca tivo uso, sábese porque non hai os microsinais que quedan na superficie das ferramentas cando foron empregadas algunha vez. Estaba nova cando apareceu nesta excavación:



Excavación (bastante incómoda) en Sima de los Huesos, Atapuerca.


Sima de los Huesos, unha cova case vertical dentro do complexo da Serra de Atapuerca, é un lugar extraordinario, onde teñen aparecido uns 7000 restos fósiles de humanos dunha antigüidade cercana aos 430.000 anos. E Excalibur.
Unha das cousas que fai excepcional esta pedra é que apareceu entre os restos duns 30 individuos da especie Homo Heidelbergensis. A sima non era habitable, serviu de enterramento intencionado, é por tanto, unha das primeiras tumbas da historia. E alguén pensou que esa pedra especial podía ser necesaria ou tal vez era un obxecto prezado dalgún dos individuos que alí repousaron ata que os atoparon os arqueólogos. Por tanto, é unha das primeiras mostras dalgún tipo de ritual funerario que os humanos practicamos. Tanto simbolismo levou a Arsuaga (o home do polar vermello, director da excavación) e o seu equipo a poñerlle o nome de Excalibur, unha espada que é un dos obxectos máis simbólicos da historia.


Quizais foi así como fixeron a ofrenda de Excalibur


Só os humanos temos consciencia da nosa morte e só nós honramos a aqueles que quixemos ou admiramos e morreron.

Pero indo ao obxecto en si, resulta que non hai cuarcita vermella en Atapuerca. Iso significa que trouxeron a pedra de lonxe, tal vez que foi obxecto de trueque. Significa que aprezaron a súa cor, que a viron fermosa e non a utilizaron máis que para algo que consideraron moi importante. Máis que cazar, máis que comer, máis que curtir peles ou facer outras ferramentas. 
E ademais, como contan o equipo de Atapuerca e do Museo da Evolución Humana, Excalibur ten outro segredo, que non se apreza cando se ve a peza nas vitrinas do museo:





Vista así, non é máis que un fermoso útil lítico. Pero contan que o seu verdadeiro valor estético aparece cando se molla con auga: entón a cor de Excálibur faise dun vermello intenso. A cor e a forma dun corazón. Se todo iso non é arte, eu non sei que é.


P.S. se queredes saber algo máis de arte prehistórica, aquí tedes un dos meus enlaces favoritos:

¿Cúando comenzó el arte?

Ah, P.S. do P.S.: igual picando onde as palabras cambian de cor atopades máis enlaces...


xoves, 26 de marzo de 2020

Historia na casa para 1º de ESO (1)


Ola, son María:

Tentei crear un curso na aula virtual e fracasei, así que, para evitar tardar máis, vouvos mandar algunha tarefa desde aquí. Nada complicado, polo de agora, só mirar algúns vídeos e fixarvos nun par de cousas que se contan alí e que podedes apuntar no caderno. Xunto a tarefa póñovos o tempo no que podedes facelo, para que non se vos acumule o choio. Polo de agora NON HAI QUE ENVIAR NADA, só apuntar no caderno un par de cousas.

Penso que estaredes todos e todas ben, porque seguro que estades seguindo as instrucións, e coidándovos. É aburrido, botamos de menos aos amigos e a familia, e ao mellor, só un chisco, o instituto. Pero é necesario que o fagamos ben, como o estades facendo. Estamos coidando de nós e de todos. Lembrades que algún día aí atrás falamos do que nos fai humanos.? Pois coidarnos entre nós é unha das cousas que máis revelan a nosa condición humá, así que seguro que o estamos facendo moi ben.

A tarefa para estes días (podemos dar tempo ata martes que vén, día 31) é mirar este vídeo: http://youtube.com/watch?v=C7hDcl_hGIY

O tema é Hominización y Prehistoria, e moitas cousas xa as sabedes.
- Fixádevos nos cambios físicos (min. 2.05-4.17), que xa os vimos. Revisade se tedes todos, entre o caderno e o libro.
- Unha novidade é a cuestión de como os nosos antepasados se adaptaron ao medio (min. 4,18). Apuntade no caderno como foi.
- Apuntade tamén como apareceu a linguaxe e como mellorou a nosa aprendizase (min.5,28). Isto é moi chulo.
- Logo vén unha explicación de como foi a evolución dos homínidos (e dos homininos, que vos sabedes a diferencia, pero este profesor que fala non, jeje), fixádevos sobre todo en quen aprendeu a facer ferramentas, quen descubriu o fogo e saiu de África a outros continentes), quen se parecía máis á nosa especie, e quen chegou a América. Pista: cada unha das frases que van en cursiva fan referencia a unha especie distinta e hai que apuntar cal no caderno.
Hai tamén un apartado que fala de como funciona a evolución, pero isto non volo vou preguntar. Ao mellor vos serve para Bioloxía (non é trampa).
A partir do minuto 14 hai algo moi chulo... aguantade ata o final, porque no minuto 15,15 hai unha liña do tempo da Prehistoria. Isto xa non hai que apuntalo, só é un repaso.

E de propina, un resumo sobre unha vella amiga: Lucy en un minuto youtube.com/watch?v=ErLLJ5o_vpA

Se non dades aberto os vídeos podedes marcar sobre as direccións co botón dereito do rato, darlle a copiar e pegar logo esa dirección en internet para abrilos.

E por hoxe nada máis, só pedirvos que sigades facendo o esforzo de quedar na casa. Coidádevos moito, comede ben, facede algún exercicio, buscade cousas divertidas para facer en casa e estade ben. Porque cando o confinamento remate, quero vervos a todos e todas!

Unha aperta, a profe de Historia.