O soño de Clío

O soño de Clío
Amosando publicacións coa etiqueta fiestras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fiestras. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de abril de 2020

Post Scriptum: Non poden cancelar a primavera

Un día destes trouxen algunhas das fiestras de David Hockney a este espazo aberto, e un par de días despois vin este outro enlace, no que o pintor abre para nós unha fiestra máis, una fiestra á esperanza, ao goce, ao que realmente paga a pena. Lembrade, que como el di, non poden cancelar a primavera.





E esta é a nosa fiestra de hoxe, unha ventá ben aberta ao que nos arrodea, o que vai máis aló das malas noticias, e mesmo das boas novas que se van dando. O que, aínda que se repita ano tras ano, non deixa de suscitar o noso asombro e o noso contento.

E aí está ela, a primavera, rebentando para regalarnos flores novas, cores e arrecendos que cheguen ás nosas fiestras, e que seguirán aí cando volvamos saír a gozar delas...



P.S.:  pica no enlace, non contén virus e si primavera, e unha declaración de amor!

luns, 13 de abril de 2020

Bicos e ventás

Hoxe é o Día Internacional do Bico, así que a nosa fiestra de hoxe dá a un interior con moito agarimo:

Edvard Munch, O bico xunto a fiestra, 1892


Un interior ás escuras alberga unha parella que se bica á beira dunha fiestra aberta a unha rúa nocturna. En todo o cadro, predominan os tonos de azul, e só resaltan as carnacións dos personaxes, que á penas presentan rasgos que os diferencien e sobre todo o marelo que ilumina os escaparates que se observan a través da ventá. A parella aparece abeirada, case confinada nun escaso espazo escuro á dereita do cadro, mentres que na esquerda, a paisaxe urbana queda suxerida máis que representada. Unha árbore alta replica co seu azul escuro a masa indefinida dos corpos enlazados dos amantes. A sensación é íntima e recollida.

Edvard Munch (1863-1944) foi un home estrano, insociable, enfermo e angustiado, cuxa pintura é difícil de encadrar en ningún grupo das vangardas de fin do século XIX ou inicios do XX. Pintaba cun estilo moi persoal, moi cercano ás propostas do expresionismo da época, pero sempre ao seu xeito e sempre acorde cos seus cambiantes estados de ánimo.

Pero seguro que recoñecedes a súa obra máis coñecida, tédela moi a man, no teléfono móbil: 😱
Si, este emoji está baseado nisto:




Perdón. Nisto:


Edvard Munch, O berro (1893), Nasjonalgalleriet, Oslo

Sóavos, eh? É unha das obras de arte máis reproducidas do mundo. Coma de O berro, Munch, que era algo obsesivo, fixo varias versións do tema dos bicos á beira da ventá

Edvard Munch, O bico, 1897. Museo Munch, Oslo


Aquí tedes unha delas, fixádevos que varía bastante coa proposta de cinco anos antes, en composición, en colorido e mesmo en estilo, con pinceladas máis toscas e dando máis sensación de opresión. O exterior, neste caso, non importa. 

Cal vos gusta máis? Podedes deixar un comentario, se queredes.

 Este tempo é de estar separados e sen apertas, sen bicos, con medo. Pero os bicos volverán, e pasará o medo. Mentres, celebremos a idea de cercanía e de de gozo que nos dan os bicos.
Bicos destes, que non contaxian: 😘😘😘😘😘😘




xoves, 2 de abril de 2020

Abrimos unha fiestra? (4)

Hoxe a nosa fiestra ábrese... en Xapón.


Utagawa Hiroshige, Campos de arroz de Asakusa e Festival Torinomachi,
en 100 famosas vistas de Edo, (1857)


Un gato observa a paisaxe dende unha fiestra de madeira que ten abertas as súas portas corredeiras de papel de arroz, onde os barrotes da reixa de madeira remarcan os campos de arroz, as casas campesiñas e ao fondo, a inconfundible imaxe do monte Fuji, que resalta coa súa silueta branca sobre un ceo vermello de solpor, que se degrada en altura ata acadar un vibrante azul escuro, fermosísimo e moi característico do pintor. A escea é serea, salvo por ese ceo acendido, que resalta como un incendio sobre o verde apagado dos campos ou do chan da habitación. Sen embargo, se miramos con atención hai algo rechamante no ángulo en que a escea se nos ofrece, e que é moi contraria á perspectiva que os occidentais estamos afeitos a ver nas obras pictóricas, polo menos ata a pintura impresionista do século XIX. Recórdavos, non sei, ao cine?

A ventá de hoxe é un gravado en madeira, ou xilografía, propia da arte tradicional xaponesa. Hiroshige chamábase en realidade Andô Tokutarô e naceu en Edo, a actual Tokio en 1797. Foi debuxante, gravador e pintor e elevou a altísimos niveis un xénero que recibiu o nome de Ukiyo-e, as imaxes do mundo flotante que tanto aprezaba o público xaponés e que presentaban esceas da vida cotiá, paisaxes e esceas do teatro xaponés, coma neste gravado, onde se representa a procesión entre os arrozais do festival Torinomachi, que é o que realmente está a mirar o gato. Entre 1818 e 1858, Hiroshige foi autor de máis de 5400 gravados en madeira sobre papel de arroz xaponés (algún día vos falarei desa marabilla do papel de arroz), dos cales os máis coñecidos apareceron agrupados en dúas coleccións: as 100 famosas vistas de Edo, entre as que están a nosa obra de hoxe e as Trintaeseis vistas do monte Fuji. Imaxes como esta representan a vida no Xapón anterior ao periodo Meiji (guiño ás alumnas e alumnos de 1º de BAC).  

Non digades que non vos levo lonxe.

Ah, por certo. Temos en copropiedade varios espléndidos gravados de Hiroshige. Pinchade aquí se os queredes ver:  Hiroshige no Prado




luns, 30 de marzo de 2020

Abrimos unha fiestra? (3)

Que tal se hoxe a nosa ventá dá ao mar?

David Hockney, Almorzo en Malibú. Óleo sobre lenzo, 1989

Todo este azul e todas estas ondas alumean un almorzo tras dos cristais das ventás, nunha habitación  na que o marrón do chan fai un forte contraste coa representación da auga, que é o que máis espazo ocupa do cadro. A perspectiva e a organización do espazo débenlle moito á arte xaponesa, pero isto non era ningunha novidade en 1989. O almorzo está disposto... para quen? Tal vez para nós, que nos permitimos entrar neste espazo privado rodeado polo mar, de xeito que case se fai exterior.

Hai moito coñecemento da pintura aquí, con influencias que nos remiten a Matisse e ás vangardas de principios do século XX nese dinamismo das ondas, non sabemos se ameazadoras ou reconfortantes. O artista fixo varias versións deste mesmo tema e desta mesma mesa disposta para almorzar.

Se buscades en google, David Hockney aparecerá como un dos principais artistas adscritos á arte Pop, e é certo que moita da súa obra coincide con ese estilo, pero non podemos pechalo nunha única categoría. Hockney é unha persoa cun exquisito sentido do humor, un debuxante extraordinario, un interesante retratista, un gran teórico da arte (se algunha vez vos atopades co seu libro El conocimiento secreto, botádelle un ollo, e descubriredes como moitos pintores do pasado empregaron máquinas de diverso tipo para debuxar), e un investigador do uso das novas tecnoloxías na pintura: nos anos 90 investigou nas posibilidades pictóricas da fotografía instantánea, creando composicións con polaroids, e na actualidade, pinta co seu iPad e o seu iPhone as fiestras da súa casa de Yorkshire. Abaixo vos deixo un par de exemplos disto último:







Alguén quere atreverse a imitar a Hockney? Veña, compartamos as nosas fiestras!



domingo, 29 de marzo de 2020

Abrimos unha fiestra? (2)

Hoxe domingo, unha selecta escolma de fiestras:

Jan Vermeer. Muller con xarra de auga, ca. 1662. Óleo sobre lenzo, Metropolitan Museum, Nova York



Jan Vermeer. O xeógrafo, ca. 1668. Óleo sobre lenzo, Museo Städel, Frankfurt del Meno.

Hoxe gozamos de dous cadros de Jan Vermeer, pintor que viviu na cidade holandesa de Delft entre 1632 (ano en que foi baptizado) e 1675, cando polo seu testamento sabemos que deixa débedas á súa muller e aos seus fillos. Poucas cousas máis sabemos da súa vida. A obra que conservamos del é moi escasa, segundo os especialistas na súa obra 33 ou 35 cadros, seguramente perdéronse moitos das que pintou, pero seguramente era un pintor lento e minucioso, o que tamén limitaría a súa produción. En vida tivo unha fama moderada, quizais porque prefería os temas da vida cotiá, algo que era moi popular entre os burgueses ricos dos Paises Baixos, que daquela época enriquecíanse grazas ao comerzo. Sen embargo, salvo unha primeira etapa na que pintou cadros relixiosos, non era dado aos grandes temas históricos que compraban os poderosos ou os temas relixiosos que decoraban as igrexas. No século XIX foi redescuberto e moi aprezado por grandes pintores pola exquisitez da súa técnica e polo marabilloso uso da luz que emprega. Para entender isto, fixádevos nos exemplos que vos traio e na limpeza e brillantez do azul dos vestidos da muller e do xeógrafo, ou en como reproduce os brillos do metal da xarra do primeiro cadro.

Sabemos pouco de Vermeer, pero sí sabemos que vistas tiña desde as fiestras do seu estudio, que seguramente era a habitación na que situou o xeógrafo.



A ruela, que Vermeer pintou cara 1657, é probablemente unha representación do que Vermeer vía cada día ao mirar pola fiestra. Espero que, coma min, gocedes con esta pintura de tema aparentemente banal, que tanta delicadeza e tantos detalles presenta. E que coma min, sintades como se respirásedes aire fresco.

Como conseguía Vermeer tal grao de detalle? Facendo trampa:  tedes aquí un enlace moi interesante, que ademais vos ensina a fabricar unha máquina para debuxar (si, existen): a cámara escura.
Las trampas de Vermeer

E finalmente, a pintura de Vermeer inspirou unha novela e logo unha película baseada nesta, na que podedes ver unha boa recreación de como vivía a xente en Delft no século XVII:
A rapaza da perla



sábado, 28 de marzo de 2020

Abrimos unha fiestra?

Caspar David Friedrich: Muller na ventá. 1822


Abramos fiestras ao aire fresco e á arte: novas vistas, por se xa vos cansades das de diario, as que nos permite o confinamento.
Adoro esta imaxe, tan sinxela pero en realidade tan complexa: a muller asomada, mirando activamente (na arte daquel momento, as mulleres son normalmente pasivas, algo para ser mirado, non suxeitos que miran), unha paisaxe que non se ve, o contraste entre a penumbra do interior e a luz de fóra. A parte superior da ventá é un anticipo do surrealismo, e tamén un ceo azul precioso. E o cadro permite que o miremos moitas veces: fixádevos ben: a ventá dá a unha canle das que son frecuentes nas cidades do norte de Europa. Eses paus que se ven son os mastros dun veleiro.
É a única pintura de interior de Friedrich, que gostaba de pintar paisaxes. A modelo é a súa muller, Christiane Caroline Friedrich, que aparece noutros cadros do pintor.
Gústavos? Quizais queirades deixar un comentario.