O soño de Clío

O soño de Clío

xoves, 26 de marzo de 2020

Historia na casa para 1º de ESO (1)


Ola, son María:

Tentei crear un curso na aula virtual e fracasei, así que, para evitar tardar máis, vouvos mandar algunha tarefa desde aquí. Nada complicado, polo de agora, só mirar algúns vídeos e fixarvos nun par de cousas que se contan alí e que podedes apuntar no caderno. Xunto a tarefa póñovos o tempo no que podedes facelo, para que non se vos acumule o choio. Polo de agora NON HAI QUE ENVIAR NADA, só apuntar no caderno un par de cousas.

Penso que estaredes todos e todas ben, porque seguro que estades seguindo as instrucións, e coidándovos. É aburrido, botamos de menos aos amigos e a familia, e ao mellor, só un chisco, o instituto. Pero é necesario que o fagamos ben, como o estades facendo. Estamos coidando de nós e de todos. Lembrades que algún día aí atrás falamos do que nos fai humanos.? Pois coidarnos entre nós é unha das cousas que máis revelan a nosa condición humá, así que seguro que o estamos facendo moi ben.

A tarefa para estes días (podemos dar tempo ata martes que vén, día 31) é mirar este vídeo: http://youtube.com/watch?v=C7hDcl_hGIY

O tema é Hominización y Prehistoria, e moitas cousas xa as sabedes.
- Fixádevos nos cambios físicos (min. 2.05-4.17), que xa os vimos. Revisade se tedes todos, entre o caderno e o libro.
- Unha novidade é a cuestión de como os nosos antepasados se adaptaron ao medio (min. 4,18). Apuntade no caderno como foi.
- Apuntade tamén como apareceu a linguaxe e como mellorou a nosa aprendizase (min.5,28). Isto é moi chulo.
- Logo vén unha explicación de como foi a evolución dos homínidos (e dos homininos, que vos sabedes a diferencia, pero este profesor que fala non, jeje), fixádevos sobre todo en quen aprendeu a facer ferramentas, quen descubriu o fogo e saiu de África a outros continentes), quen se parecía máis á nosa especie, e quen chegou a América. Pista: cada unha das frases que van en cursiva fan referencia a unha especie distinta e hai que apuntar cal no caderno.
Hai tamén un apartado que fala de como funciona a evolución, pero isto non volo vou preguntar. Ao mellor vos serve para Bioloxía (non é trampa).
A partir do minuto 14 hai algo moi chulo... aguantade ata o final, porque no minuto 15,15 hai unha liña do tempo da Prehistoria. Isto xa non hai que apuntalo, só é un repaso.

E de propina, un resumo sobre unha vella amiga: Lucy en un minuto youtube.com/watch?v=ErLLJ5o_vpA

Se non dades aberto os vídeos podedes marcar sobre as direccións co botón dereito do rato, darlle a copiar e pegar logo esa dirección en internet para abrilos.

E por hoxe nada máis, só pedirvos que sigades facendo o esforzo de quedar na casa. Coidádevos moito, comede ben, facede algún exercicio, buscade cousas divertidas para facer en casa e estade ben. Porque cando o confinamento remate, quero vervos a todos e todas!

Unha aperta, a profe de Historia.


luns, 15 de xaneiro de 2018

Arte e diversión







Arte e diversión sempre van xuntos. Pero neste caso máis ca noutros: na páxina que está enlazada abaixo podedes xogar coa composición e o espazo de varias obras de arte.

E cando xa teñades xogado con todas as figuras, e feitos todos os desafíos que plantexan os autores, pegádelle un repaso ás análises que deixan, e seguro que aprendedes algo 😉😉

artecompo

Grazas, Gusi Domarco, polo descobremento!!!

luns, 18 de decembro de 2017

luns, 27 de novembro de 2017

Contidos ben curadiños... ricos, ricos!

Curador/a na penumbra, curando/currando coma decote...

"... ni el libro ni la arena tienen fin"
Jorge Luis Borges, El libro de arena


No conto de Jorge Luis Borges, o autor recibía de mans dun estrano vendedor un desacougante libro de peso sorprendente que tiña a particularidade de que a numeración das súas páxinas non era correlativa e de que unha vez pasada unha páxina, era imposible atopala de novo. Borges tenta atopar a primeira páxina sen conseguilo, e igual pasa coa última. (Quen queira saber o final, que pinche aquí)

Internet é un pouco como ese libro de area, un conxunto innúmero de páxinas de contidos diversos e de moi distinto valor, nas que é frecuente perderse e perder a información que nos interesaba. Todos temos a experiencia desa páxina interesantísima que nunca máis atopamos de novo. Así que é necesario empregar estratexias e ferramentas que nos permitan buscar e nos axuden a seleccionar o que nos interesa, a análise para comprender e decidir que é o que queremos empregar desa información, para elaborar os nosos propios contidos, e usar medios para difundir nós o que queremos expresar.

Curación de etiqueta


O conxunto desas actividades recibe o nome de Curación de Contidos, aínda que o termo é algo raro, unha mala tradución do inglés. Quizais mellor sería Xestión de Contidos, pero está extendido o concepto de curación, que trae recordos de bos sabores da cociña, e de pupas de nenos pequenos que  sandan cun bico e unha "tirita" de cores. E iso que vén do marketing, que é pouco mastigable.

Para facer este blog, curaba sen sabelo, e un pouco pola brava, pero ultimamente, grazas a un curso atopei novas ferramentas que facilitan ese traballo complexo de pescudar, escoller, analizar e difundir. Déixovos un par de enlaces con algunhas, porque vos tamén sodes curadores, ou o seredes nalgún momento non moi lonxano. 

No enlace de máis abaixo, un interesante artigo de Silvia Lorenzati, que vos explicará mellor qué é curación de contido e que contén unha moi boa selección de ferramentas en rede para xestionar o voso traballo en internet: 

Este outro contén, ademais de moi boa información sobre o tema, unha malvada intención: ollo ao papel que lle dá ao alumnado no proceso de curación de contidos na escola. Ousades botarme unha man nisto de buscar, filtrar e compartir contidos sobre Historia e Xeografía?


Para empezar, algo faciliño: sabedes que podedes facer comentarios sobre o blog? Tedes ao lado un espazo para facelo. Prometo ilusionarme, e seguro, contestar!

martes, 21 de novembro de 2017

Os ventos daquel verán...



Outra imaxe dende o espacio: o efecto dos ventos alisios sobre as Illas Canarias




A NASA comparte a fermosa imaxe animada dos ventos no hemisferio Norte durante o verano de 2017 que vos deixo no enlace de abaixo. Como imaxe é impresionate e vese moi ben como funciona a circulación atmosférica, e como o que sucede a milleiros de km afecta a unha parte moi extensa da Terra. Un mundo global...

luns, 20 de novembro de 2017

Loita de titáns

Unha vista ben gorentosa do pico do Mont Blanc.


Para rematar coas dúbidas, déixovos un enlace que aclara a cuestión de cal é o monte máis alto de Europa.

Cal é a montaña máis alta de Europa?


O texto é da hemeroteca do diario El País, pero segue a ter vixencia.

Máis abaixo, o retrato do outro contendente polas vistas máis altas de Europa:

Monte Elbrus, cos dous picos xemelgos que se mencionan no enlace.