O soño de Clío

O soño de Clío

luns, 27 de novembro de 2017

Contidos ben curadiños... ricos, ricos!

Curador/a na penumbra, curando/currando coma decote...

"... ni el libro ni la arena tienen fin"
Jorge Luis Borges, El libro de arena


No conto de Jorge Luis Borges, o autor recibía de mans dun estrano vendedor un desacougante libro de peso sorprendente que tiña a particularidade de que a numeración das súas páxinas non era correlativa e de que unha vez pasada unha páxina, era imposible atopala de novo. Borges tenta atopar a primeira páxina sen conseguilo, e igual pasa coa última. (Quen queira saber o final, que pinche aquí)

Internet é un pouco como ese libro de area, un conxunto innúmero de páxinas de contidos diversos e de moi distinto valor, nas que é frecuente perderse e perder a información que nos interesaba. Todos temos a experiencia desa páxina interesantísima que nunca máis atopamos de novo. Así que é necesario empregar estratexias e ferramentas que nos permitan buscar e nos axuden a seleccionar o que nos interesa, a análise para comprender e decidir que é o que queremos empregar desa información, para elaborar os nosos propios contidos, e usar medios para difundir nós o que queremos expresar.

Curación de etiqueta


O conxunto desas actividades recibe o nome de Curación de Contidos, aínda que o termo é algo raro, unha mala tradución do inglés. Quizais mellor sería Xestión de Contidos, pero está extendido o concepto de curación, que trae recordos de bos sabores da cociña, e de pupas de nenos pequenos que  sandan cun bico e unha "tirita" de cores. E iso que vén do marketing, que é pouco mastigable.

Para facer este blog, curaba sen sabelo, e un pouco pola brava, pero ultimamente, grazas a un curso atopei novas ferramentas que facilitan ese traballo complexo de pescudar, escoller, analizar e difundir. Déixovos un par de enlaces con algunhas, porque vos tamén sodes curadores, ou o seredes nalgún momento non moi lonxano. 

No enlace de máis abaixo, un interesante artigo de Silvia Lorenzati, que vos explicará mellor qué é curación de contido e que contén unha moi boa selección de ferramentas en rede para xestionar o voso traballo en internet: 

Este outro contén, ademais de moi boa información sobre o tema, unha malvada intención: ollo ao papel que lle dá ao alumnado no proceso de curación de contidos na escola. Ousades botarme unha man nisto de buscar, filtrar e compartir contidos sobre Historia e Xeografía?


Para empezar, algo faciliño: sabedes que podedes facer comentarios sobre o blog? Tedes ao lado un espazo para facelo. Prometo ilusionarme, e seguro, contestar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario