O soño de Clío

O soño de Clío

domingo, 10 de febreiro de 2013

Para 2º de Bacharelato de Humanidades:


COMPOSICIÓN DE TEXTO  (tema de tipo histórico) 09

OPCIÓN 1

Os seguintes documentos deben permitirche a realización dunha composición sobre o período histórico comprendido entre 1808 e 1814, no que se desenvolve a chamada Guerra da Independencia. Comezada coa sublevación popular do 2 de maio, á que se refire o Doc.1, as Xuntas que se constituirán en diferentes ámbitos territoriais (Doc.2) tratarán de coordinar unha resistencia contra os franceses que adopta con frecuencia a forma de guerrillas e na que conflúen intereses e obxectivos diversos (Doc.3). Paralelamente á guerra desenvólvese unha revolución política que tenta asentar o liberalismo e que ten a súa mellor plasmación na obra das Cortes de Cádiz (Doc.4). Lembra que non se trata de elaborar un tema á marxe das fontes propostas, polo que debes referirte aos seus contidos ao longo da túa redacción.

Doc. 1.-Orde do mariscal Murat (2 de maio de 1808):

“Soldados: a poboación de Madrid sublevouse, e chegou ata o asasinato (...). O sangue francés foi vertido; reclama vinganza. Na súa consecuencia mando o seguinte (...):
Art.2. Todos os que foron presos no disturbio e coas armas na man serán arcabuceados (...).
Art.5. Toda xuntanza de máis de oito persoas será considerada coma unha xunta sediciosa (...)
Art.7. Os autores, vendedores ou distribuidores de libelos impresos ou manuscritos provocando a 
sedición serán considerados coma uns axentes da Inglaterra e arcabuceados”.

Doc. 2.-Proclama da Xunta Central do Principado de Asturias (maio de 1808):

“Asturianos leais e amados compatriotas (...). O Principado, en desempeño daqueles deberes que máis interesan ao home, xa declarou formalmente a guerra a Francia (...). A súa perfidia co noso rei e toda a súa 
familia, enganándoo para facelo pasar a Francia baixo palabra dun eterno armisticio para encadealos a todos, non ten igual na historia (...). ¡Á arma, á arma, asturianos!”.

Doc. 3.-O militar e político liberal Evaristo San Miguel expón neste escrito (1836) os diversos proxectos dos combatentes contra os franceses:

“De todos os xeitos non é menos certo que a invasión dos franceses foi o principio das nosas diferenzas 
internas e a guerra da independencia unha especie de guerra civil ao mesmo tempo.
Aos nobres, a dinastía estranxeira éralles odiosa menos polo nova que polos indicios que daba de 
reformadora. Do lexislador dun pobo onde todo estaba nivelado pola lei da igualdade debía desconfiar 
moito o privilexio das clases exclusivas. O berro de guerra na súa boca foi a oposición ao espírito innovador 
que os ameazaba (...).
Os ilustrados eran un número considerable e non podían ter, no seu pronunciamento contra o emperador, 
só a mira de volver ao Estado anterior. Non era posible (...) que gustasen de volver ao antigo despotismo os 
que o consideraban como unha das causas dos males que os aflixían. O berro de guerra dirixido contra os 
franceses tiña tamén por branco os excesos, as desordes que afearan as administracións anteriores”.
Doc. 4.-Constitución de 1812:
“Art. 1. A nación española é a reunión de todos os españois de ámbolos dous hemisferios (...).
Art. 3. A soberanía reside esencialmente na nación e polo mesmo pertence a esta exclusivamente o 
dereito de establecer as súas leis fundamentais (...).
Art. 14. O goberno da nación española é a monarquía moderada hereditaria.
Art. 15. A potestade de facer leis reside nas Cortes co rei.
Art. 16. A potestade de facer executar as leis reside no rei.
Art. 17. A potestade de aplicar as leis en causas civís e criminais reside nos tribunais”



Se queredes descargar o texto en PDF, aquí tedes o enlace. Que o pasedes ben no Antroido!

http://es.scribd.com/doc/124800247/composicion-2009-opcion-1


Ningún comentario:

Publicar un comentario