O soño de Clío

O soño de Clío

mércores, 13 de febreiro de 2013

Para o 2º de Bacharelato de Ciencias


Aquí tedes o texto do exercicio que había que facer no Antroido. Non puiden colgalo antes porque non estaba dispoñible na web e non o gardara no ordenador. Falamos o xoves dos prazos de entrega.



PAAU SETEMBRO 2011
HISTORIA DE ESPAÑA
OPCIÓN A
Orientacións: os documentos seguintes deben permitirche elaborar un texto sobre a vida política durante o reinado de Isabel II. Na túa redación debes abordar as seguintes cuestións: a diversidade das forzas políticas, dende o carlismo ata o republicanismo democrático; o predominio político moderado; o intervencionismo militar na política; as circunstancias que concorren na caída do réxime. Lembra que non se trata de responder a preguntas illadas, senón de realizar unha composición coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da expresión escrita.

Doc. 1.- María Teresa de Braganza y Borbón, muller do infante Don Carlos, expón así algunhas ideas do carlismo:
“Relixión, Patria e Rei (…). Rei, digo por último, pero rei pola Graza de Deus e non pola graza da soberanía nacional (…). Segundo o liberalismo, da soberanía nacional emana todo o poder e os poderes que existen, negando deste xeito todo poder de orixe divina. Agora ben, isto está condenado pola Igrexa católica e con razón; pois a Escritura sagrada di expresamente: todo poder vén de Deus (...)”.
Doc. 2.- Preámbulo da Constitución de 1845:
“Dona Isabel II, pola Graza de Deus e da Constitución da Monarquía Española, Raíña das Españas, a todos os que a presente viren e entenderen, sabede:
Que sendo a nosa vontade e a das Cortes do Reino regularizar e poñer en consoancia coas necesidades actuais do Estado os antigos fueros e liberdades destes reinos, e a intervención que as súas Cortes tiveron en todos os tempos nos negocios graves da Monarquía, modificanco ao efecto a constitución promulgada en 18 de xuño de 1837, vimos (…) en decretar e sancionar a seguinte constitución española”.
Doc. 3.- Comentario sobre o intervencionismo militar na vida política (El pensamiento de la nación, 18 de marzo de 1846):
“As queixas contra a preponderancia militar datan de moito tempo: hai longos anos que as fraccións liberais se acusan unhas a outras polos estados de sitio. O que en 1834 e 1835 dicían os progresistas contra os moderados, dixeron os moderados contra os progresistas en 1836 e 1837; ata 1840 tocoulles aos progresistas repetir os mesmos cargos que logo reproduciron os moerados ata 1843; dende o pronunciamento de xuño de dito ano quéixanse outra vez os progresistas (…).
O poder militar é forte porque o civil é fraco, non tanto se debe pensar en abater aquel como en fortalecer este; a forza do poder civil será a ruína do militar, que deixará de ser poder e pasará a ser unha clase como as demais do Estado ...”.
Doc. 4.- En 1860, o republicano Fernando Garrido caracteriza así as máis importantes tendencias políticas do momento:
“Os moderados representan un paso máis na escala do progreso, non conceden senón a medias o principio da soberanía nacional. Din: o rei ten o seu dereito de ser soberano, dereito histórico e de raza, pero o pobo tamén ten dereito a intervir co rei na xestión dos públicos intereses; e conservando as institucións do absolutismo líganas o menos mal que poden coas novas, que deben satisfacer os desexos das clases acomodadas, e unha pequena parte das medias.
Os progresistas parten do principio da soberanía nacional, que colocan sobre todos os outros. O rei, segundo eles, éo por que a nación quere que o sexa, e non porque o herdara dos seus devanceiros (…).
Hai unha fracción demócrata que cre posible a amálgama da monarquía e dos principios democráticos, a liberdade individual e da soberanía nacional.
Segue a esta a fracción republicana propiamente dita. A democracia como réxime político quere, segundo vemos nas súas publicacións, no canto do rei un consello ou xunta federal composta, como en Suíza, por un ou máis membros por cada provincia ou Estado. No canto de dúas cámaras, unha soa. No canto do censo electoral, o sufraxio universal para toda clase de eleccións. Os seus elementos máis activos pertencen ás profesións liberais, aos traballadores e artesáns, e unha parte máis considerable cada día á clase media”.
Doc. 5.- As forzas militares mandadas por Prim, Serrano e Topete pronúncianse en Cádiz en setembro de 1868, publicando o seguinte manifesto:
“Aldraxasada a lei funcamental (…), corrompido o sufraxio pola ameaza e o suborno (…), pasto a Administración e a Facenda da inmoralidade (…), muda aprensa (…). Tal é a España de hoxe (…). Queremos que un Goberno provisional que represente todas as forzas vivas do país asegure a orde, en tanto que o sufraxio universal bota os alicerces da nosa rexeneración social e política”. 




Podedes descargalo en PDF no seguinte enlace:

Ningún comentario:

Publicar un comentario