O soño de Clío

O soño de Clío

xoves, 26 de marzo de 2020

Historia na casa para 1º de ESO (1)


Ola, son María:

Tentei crear un curso na aula virtual e fracasei, así que, para evitar tardar máis, vouvos mandar algunha tarefa desde aquí. Nada complicado, polo de agora, só mirar algúns vídeos e fixarvos nun par de cousas que se contan alí e que podedes apuntar no caderno. Xunto a tarefa póñovos o tempo no que podedes facelo, para que non se vos acumule o choio. Polo de agora NON HAI QUE ENVIAR NADA, só apuntar no caderno un par de cousas.

Penso que estaredes todos e todas ben, porque seguro que estades seguindo as instrucións, e coidándovos. É aburrido, botamos de menos aos amigos e a familia, e ao mellor, só un chisco, o instituto. Pero é necesario que o fagamos ben, como o estades facendo. Estamos coidando de nós e de todos. Lembrades que algún día aí atrás falamos do que nos fai humanos.? Pois coidarnos entre nós é unha das cousas que máis revelan a nosa condición humá, así que seguro que o estamos facendo moi ben.

A tarefa para estes días (podemos dar tempo ata martes que vén, día 31) é mirar este vídeo: http://youtube.com/watch?v=C7hDcl_hGIY

O tema é Hominización y Prehistoria, e moitas cousas xa as sabedes.
- Fixádevos nos cambios físicos (min. 2.05-4.17), que xa os vimos. Revisade se tedes todos, entre o caderno e o libro.
- Unha novidade é a cuestión de como os nosos antepasados se adaptaron ao medio (min. 4,18). Apuntade no caderno como foi.
- Apuntade tamén como apareceu a linguaxe e como mellorou a nosa aprendizase (min.5,28). Isto é moi chulo.
- Logo vén unha explicación de como foi a evolución dos homínidos (e dos homininos, que vos sabedes a diferencia, pero este profesor que fala non, jeje), fixádevos sobre todo en quen aprendeu a facer ferramentas, quen descubriu o fogo e saiu de África a outros continentes), quen se parecía máis á nosa especie, e quen chegou a América. Pista: cada unha das frases que van en cursiva fan referencia a unha especie distinta e hai que apuntar cal no caderno.
Hai tamén un apartado que fala de como funciona a evolución, pero isto non volo vou preguntar. Ao mellor vos serve para Bioloxía (non é trampa).
A partir do minuto 14 hai algo moi chulo... aguantade ata o final, porque no minuto 15,15 hai unha liña do tempo da Prehistoria. Isto xa non hai que apuntalo, só é un repaso.

E de propina, un resumo sobre unha vella amiga: Lucy en un minuto youtube.com/watch?v=ErLLJ5o_vpA

Se non dades aberto os vídeos podedes marcar sobre as direccións co botón dereito do rato, darlle a copiar e pegar logo esa dirección en internet para abrilos.

E por hoxe nada máis, só pedirvos que sigades facendo o esforzo de quedar na casa. Coidádevos moito, comede ben, facede algún exercicio, buscade cousas divertidas para facer en casa e estade ben. Porque cando o confinamento remate, quero vervos a todos e todas!

Unha aperta, a profe de Historia.


2 comentarios:

  1. Hola María, moló mucho, por primera vez me divertí viendo un vídeo de historia enterandome. saludos.:)

    ResponderEliminar
  2. ¡¡¡Gracias, David!!! Este es mi primer comentario ¡y me hace mucha ilusión! Inntentaré buscar más cosas que os gusten. Podeis comentarlas siempre.

    Saludos ;)

    ResponderEliminar